O FESTIVAL DE LA LUZ ACOLLERÁ SONEMERXENTE, UN ESCENARIO DE TALENTO GALEGO NO QUE PARTICIPARÁN OS 10 PROXECTOS DA ACELERADORA MUSICAL DA FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA E A XUNTA DE GALICIA
- As propostas de Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms, HYDN, Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra chegarán ó Festival de la Luz de Boimorto os vindeiros 26 e 27 de agosto.
- Estas actuacións enmárcanse dentro do apartado de contacto co público do programa de impulso de proxectos musicais Sonemerxente, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a Fundación Paideia Galiza.
A Coruña, 8 de agosto de 2023.- O Festival de la Luz (Boimorto, A Coruña), acollerá as actuacións de 10 proxectos musicais galegos integrados no programa Sonemerxente, a aceleradora de proxectos musicais organizada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e a Fundación Paideia Galiza.
As actuacións programaranse durante o sábado 26 e o domingo 27 de agosto nun escenario poligonal con 8 metros de fronte e unha gran pantalla central e deseñado para a ocasión. Por él pasarán Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms, HYDN, Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra. Todas as propostas compartirán cartel con artistas nacionais e internacionais como Viva Suecia, Vicco, Rayden, Heredeiros da Crus, Ladilla Rusa, Roi Méndez, Ona Mafalda, Luar na Lubre ou Reincidentes.
O Escenario Sonemerxente é unha aposta polo talento emerxente galego a través dunha proposta que impulsará o directo e a profesionalización dos proxectos. Polo Escenario Sonemerxente do Festival de la Luz pasarán as seguintes propostas musicais:
Paraíso Canto. Martiño Malleiro e Gabi Reboredo dan vida a este dúo que parte da tradición oral galega para crear un son persoal experimentando con músicas ibéricas, lusófonas ou de outras culturas do mundo.
Samudra Trío. Esta agrupación convirte a música de cámara nunha linguaxe universal e reivindicativa. A través da frauta, o violonchelo e o piano, o trío transpórtanos a diferentes paisaxes do mundo e recupera obras de compositoras que foron silenciadas na súa época.
Zeltia Irevire: Proxecto de música folk-tribal que busca conectar coa natureza. Constrúen un realismo máxico que percorre a Terra a través da cultura galega con instrumentos orgánicos que se envolven nunha voz emotiva e delicada.
De Ninghures: Banda de novo folk galego que nace das inquedanzas de sete mozos/as de diferentes comarcas da rexión. Partindo da tradición, presentan un repertorio con influencias de músicas de outros pobos da Península Ibérica, América Latina ou o Magreb.
Adrian Timms. Mozo británico-andaluz que basea o seu proxecto nunha mestizaxe cultural entre o indie-pop británico e texturas da música tradicional galega. Despois de publicar un primeiro disco acústico, xa ten en marcha o segundo, onde aposta por mesturar o orgánico e o electrónico.
HYDN. Combinando o galego e o inglés, o universo musical de hydn trasládanos a un mundo de fantasía, nunha viaxe sonora experimental e única. Pop, electrónica e RnB mestúranse nunha atmosfera dark para xogar co medo e o desexo ao diferente.
Ani Baires. A artista leva máis de 10 anos facendo música coa súa guitarra. O seu estilo íntimo combina o pop con sons melódicos e acústicos. Neste momento está inmersa na creación do seu primeiro EP.
Helena Egea. Cantante e compositora multinstrumentista (violín, piano e guitarra). O seu estilo bebe de influencias do soul, o jazz, o rock ou o blues. Letras íntimas e garra feminina definen a esta artista que xa ten ganado varios premios en Galicia polas súas cancións e que moi pronto publicará o seu EP de debut.
Law. Artista galega multidisciplinar que fusiona nas súas composicións toques de RnB, hip hop, soul, funk e mesmo melodías con reminiscencias da cultura xaponesa. O seu estilo melancólico busca o equilibrio entre unha música urbana desenfadada e liñas vocais e letras complexas e coidadas.
Mondra. Mozo cantante, artista, bailarín e profesor de música tradicional galega. Nos seus proxectos integra música, moda, danza e o audiovisual para cantar á liberdade a través de sons que se moven entre a electrónica e o folclore máis tradicional.
Unha decena de propostas
A aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente está a impulsar na actualidade as propostas de 10 bandas e artistas que foron seleccionados para participar nesta iniciativa da Xunta de Galicia que xestiona a Fundación Paideia Galiza e que conta co financiamento dos fondos NextGeneration da Unión Europea dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O conxunto de participantes en Sonemerxente está a vivir unha experiencia de impulso e dinamización estruturada en dúas etapas. A primeira delas, centrouse en sesións individuais e colectivas de mentorización ao redor de asuntos capitais como son a produción, promoción ou modelo de negocios. A segunda parte, na que se sitúan as actuacións musicais do Festival de la Luz, dedícase á participación dos artistas en circuítos de concertos, festivais, encontros con medios ou a asistencia a mercados profesionais. A información do proxecto Sonemerxente está recollida a través da web www.sonemerxente.gal.