O mellor plan familiar para finalizar o verán
Unha das características máis destacadas do Festival da Luz é o seu carácter familiar. O festival está deseñado para que poidan gozar da cultura en todos os seus ámbitos desde os máis pequenos ata os maiores.
Dentro do recinto do festival atopamos unha zona específica para os pequenos da familia onde se gozou de grandes actuacións como o grupo “A Guagua” ou a gran orquestra “Let´s Folk Nenos” onde nenos e nenas de diversas idades mostráronnos a súa incrible habilidade fronte aos instrumentos de corda.
Nesta zona, todo o público infantil puido deixar voar a súa imaxinación expresándose artisticamente na zona de talleres, demostrar as súas habilidades motrices na zona de xogo libre ou desafogando toda a súa enerxía mentres saltaban e escalaban nos colchóns inchables.
Poderíase dicir que todo era como outros anos, con todo, os nenos e nenas que acudiron a esta última edición puideron comprobar todos os cambios e melloras que se engadiron neste novo ano, como xogar ao futbolín coas súas nais, pais e amigos ou dar unha volta pola carpa do circo onde puideron coñecer mundos novos da man de magos, pallasos e trasgos.
Pero isto non é todo, ao percorrer o recinto enteiro, podías comprobar que o ambiente familiar apreciábase en cada zona, como na caseta de Gadis onde se atopaba un pequeno parque infantil, ou no espazo Casa Grande de Xanceda, onde podías acudir cos teus compañeiros para muxir unha vaca.
Os espazos promocionados por Xunta de Galicia contaban tamén con programación infantil e familiar entre a que destacaron os talleres de reciclaxe e arte plástica de Medio Ambiente así como o bingo e xogos de man de Agacal.
Este ano o festival albergou moitas actividades novas, pero sen privarnos das mellores actividades que se repiten edición tras edición, e como non podía ser doutra maneira, os máis peques das familias puideron gozar dun paseo en tractor empuxado a pedais, traéndonos este ano como novidade: o sorteo dun de eles!
O festival déixanos moitas experiencias e recordos cada ano, pero o que está claro é que se buscas unha experiencia que combine a arte e a natureza nunha contorna familiar, o Festival da Luz é a opción correcta.