COÑECE BOIMORTO: O BERCE DO FESTIVAL DA LUZ, O CAMIÑO DE SANTIAGO E OS 5 ROTEIROS
Cada setembro o pobo de Boimorto acolle no seo familiar de Luz Casal o noso festival pero, sen dúbida, este concello é moito máis que a música que nel soa. A uns 35 km de Santiago de Compostela, a etapa final do Camiño Norte penétrase en Boimorto para cruzar praderías, regatos e castiñeiros de gran beleza tras os que atopar os monumentos e paraxes máis interesantes do contorno. Desde paisaxes idílicos ata a antiga Vía Romana XIX, os peregrinos camiñan sobre un punto crave do mapa no cal aprovisionarse e decidir a continuidade do seu roteiro, desviarse cara ao Camiño Francés ou seguir cara á Variante de Mota. Así mesmo, Boimorto non é só un lugar de paso dentro do Camiño de Santiago, aquí os peregrinos contan coa posibilidade de hospedarse no albergue municipal ou de descansar en preciosas casas rurais da zona. Ademais, este concello rural ofrece unha infinidade de panorámicas vexetais que conectan aos seus visitantes coa natureza e tranquilidade deste lugar a través dos seus cinco roteiros de senderismo: • Roteiro de Boimorto: que coincide co Camiño Norte, acaba en Arzúa e pasa pola antiga Vía Romana XIX. • Roteiro de Dormeá: este paseo percorre os lugares máis relevantes da parroquia de Dormeá, entre os que se poden visitar varios miradoiros e construcións destacadas, como a Capela de San Brais, o pazo de Vilanova e a Casa Reitoral. • Roteiro de Andabao: a gran altitude deste roteiro permite gozar dos mellores recunchos da parroquia de Andabao, así como dunhas vistas privilexiadas do val boimortense. • Roteiro de Sendelle: un pequeno paseo polos monumentos máis destacados da parroquia de Sendelle, entre os que sobresaen O Pazo de Cuíntas, Fonte do Picho e a Casa Grande do Marco. • Roteiro de Os Anxeles: unha senda que camiña polas construcións máis importantes da parroquia dos Ánxeles, tales como os pazos de Liñeiro e de Beira, a capela de Asunción e a igrexa de Santa María dos Ánxeles. Por todo iso, así como pola gran xentileza e hospitalidade da súa xente, Boimorto é un lugar ideal no que desconectar, deleitarse coa tranquilidade e beleza da súa paisaxe e sobre o que gozar duns días de boa música.