Así foi a VI Edición de Cultivando Deporte, Boimorto no Camiño

Amencía Boimorto cuns nervos pouco habituais. Era 26 de agosto e varios autobuses chegaban cargados de xente. Ás 10 da mañá, tras recoller os dorsais, xa quentaban centos de corredores nos arredores do parque infantil de Boimorto. Ali puideron recoller a camiseta da VI Edición totalmente de balde.

Unha hora despois, a alcaldesa, Chus Novo, daba a benvida aos corredores e procedía a dar a saída.

Máis de 350 persoas participaron na VI Carreira Pedestre Popular ‘Cultivando Deporte’, Boimorto no Camiño co apoio da Xunta de Galicia.

Saindo dende a Rúa da Gándara no centro do Concello e chegando ao recinto do Festival da Luz, recorreron preto de 6 km por sendeiros arroupados por arborada e flora moi diversa. Un antigo sendeiro utilizado na súa maior parte polos vecinos/as das parroquias como Andabao para subir ó centro de Boimorto os días de mercado. É unha carreira que destaca pola fermosura natural acorde coa temática do festival.

“Unha carreira moi divertida que permite desfrutar da natureza da zona así como dos ánimos dos asistentes ao festival”, Sergio Mosteiro, veciño de Boimorto que acadou podium varios anos consecutivos.

Minutos antes da apertura de portas ao festival, a xente ateigaba as entradas facendo pasillo aos participantes que remataban o recorrido no recinto do festival. Entre berros de ánimo e aplausos, pouco tardaron en pasar por meta os primeiros corredores.

 

 

Sobre as 13 horas, a tenente alcalde, Patricia Taboada, facía entrega de premios no posto que o Concello de Boimorto tiña montado no festival. Agradecéndolle a todos a participación un ano máis, despedía a VI Carreira ‘Cultivando Deporte, Boimorto no Camiño’.

Skip to content