Select Page

RASTAKELTIA

O grupo Rastakeltia fundouse en 2001 entre músicos de formación clásica, case todos eles multiinstrumentistas, interesados en todo tipo de músicas populares e tradicionais. Aínda que realizaron arranxos sobre algunha melodía clásica ou popular, a inmensa maioría da súa música é de composición propia. O estilo de Rastakeltia podería chamarse Música Celta de Cámara ou Fusión Clásico-Celta. A influencia da chamada música celta é a que máis se aprecia, pero non faltan xiros, melódicos ou rítmicos, do jazz, do flamenco, do pop, do reggae, da música árabe, etc. que se unen ás claras influencias clásicas do grupo, froito dos moitos anos de formación clásica, en conservatorios, dos seus membros e do seu paso por distintos grupos, coros, bandas e orquestras. Como se dixo, algúns dos membros do grupo son multiinstrumentistas, co que as combinacións que se poden dar son múltiples. Podemos ver unha formación completamente clásica, con violíns, cellos e frauta travesera, ata outras totalmente distintas con saxo, clarinete, percusións, gaita, voces, bouzuki, frautas de pico, mandolina, etc. O repertorio do grupo é amplísimo, con decenas de temas de composición propia e outros tantos arranxos de música tradicional, repertorio que se pode adaptar perfectamente tanto ás características da sala ou do tipo de evento a celebrar.