Select Page

Entrevista a Superglú: “A nosa intención é emocionar e transmitir a enerxía e a felicidade que nós sentimos tocando a todo o que queira compartir ese momento connosco”

Coñecemos máis a fondo a Supergú, unha das bandas gañadoras de Cultivando Música, o concurso de maquetas organizado polo Festival da Luz e Estudios Mans. Superglú nace en 2014 en Coruña da man de Antonio, Davi, Mundo e Sara, como un proxecto que mestura temas propios con versións de todo tipo cun aire acústico. Tras a incorporación de Juan, o son vólvese máis potente, dando lugar a un estilo indie-pop melódico presente nos temas que conformarán o seu primeiro EP, en cuxa preparación se atopan inmersos. O venres 8 goza da súa música no Festival da Luz.

Como xorde a idea de formar o grupo?
Xorde ao xuntar as inquietudes que tiñamos cada un de facer algo diferente, que sentísemos como noso, tanto nos nosos temas propios como nas versións que tentamos facer á nosa maneira.

Como xurdiu o nome da banda?
Porque pensamos en chamalo como o que é a música para nós, unha especie de pegamento que xera unha unión brutal entre os que a gozamos.

Cales son os vosos principais referentes?
Buf! A verdade é que nos gustan moitos estilos e artistas diferentes, e gozamos do resultado que xorde ao mesturar esas influencias, que van desde un estilo máis clásico (Queen, Creedence, Waterboys, etc.) ata artistas máis actuais (Vetusta, Izal, Coldplay, Eddie Vedder, Xoel, etc.). Consideramos que de todo se pode aprender, e que todo che pode achegar cousas novas e diferentes.

En que vos inspirades á hora de compoñer as vosas cancións?
En vivencias propias, en sentimentos, sensacións, enerxías… Na nosa maneira de ver o mundo, supoñemos.

Por que decidides presentar a vosa maqueta ao Festival da Luz?
Porque nos apetecía compartir o que facemos con máis xente, e tentar que gocen connosco como nós facémolo vivindo unha experiencia como tocar nun Festival tan bonito.

Que significa para vós actuar no Festival da Luz?
Significa alegría, alegría inmensa de poder celebrar a música con tanta xente!

Que escoitaremos durante o voso concerto no Festival da Luz?
Pois escoitaredes cancións feitas con amor. A nosa intención é emocionar e transmitir a enerxía e a felicidade que nós sentimos tocando a todo o que queira compartir ese momento connosco.

E para terminar? Cales son os vosos plans inmediatos coa banda?
Os nosos plans inmediatos son seguir gozando da música, aprendendo, tocando, aproveitando a oportunidade que nos dais de poder gravar os nosos temas para seguir crecendo e chegar a máis persoas, e abrigo de vivir a experiencia no escenario e facer que a xente baile nosa música.