Select Page

O grupo Rastakeltia fundouse en 2001 entre músicos de formación clásica, case todos eles multiinstrumentistas, interesados en todo tipo de músicas populares e tradicionais. Aínda que realizaron arranxos sobre algunha melodía clásica ou popular, a inmensa maioría da súa música é de composición propia. O estilo de Rastakeltia podería chamarse Música Celta de Cámara ou Fusión Clásico-Celta. Co seu tema “Irlándalus” alzáronse como unha das bandas gañadoras na categoría tradicional do concurso Cultivando Música. Non podes faltar á súa actuación o sábado 9 de setembro!

Como xorde a idea de formar o grupo?
Pois fai xa máis de 15 anos, uns cuantos compoñentes da orquestra de cámara da Universidade Autónoma de Madrid empezámonos a xuntar para tocar algúns temas, máis ou menos folk, compostos por un dos seus membros. Pronto xurdiu a idea de formar un grupo.

Como xurdiu o nome da banda?
O nome tomámolo do primeiro tema que comezamos a ensaiar, que estaba inspirado no reggae e a música celta.

Cales son os vosos principais referentes?
Pois nos influíron, a partes iguais os clásicos que estudamos nos conservatorios e os grandes do folk como Oskorri, Milladoiro, Gwendal, Alan Stivel, Malicorne, Capercaillie…

En que vos inspirades á hora de compoñer as vosas cancións?
Poderíase responder o mesmo que na anterior pregunta. Inspirámonos nas chamadas músicas clasicas e nas músicas populares e tradicionais.

Por qué decidides presentar a vosa maqueta ao Festival da Luz?
Apetécenos moito darnos a coñecer en Galicia e no norte en xeral, onde se presta moita máis atención á música de raíz folk que en Madrid, onde está situado o grupo.
Gustounos saber que, ademais, o Festival da Luz é un festival solidario.

Que significa para vós actuar no Festival da Luz?
A oportunidade de darnos a coñecer nun ámbito completamente distinto ao dos bares e pequenas salas nas que adoitamos actuar. A posibilidade de tocar nun gran escenario ante moitas persoas

Que escoitaremos durante o voso concerto no Festival da Luz?
Na nosa actuación poderanse escoitar temas orixinais, de composición propia, inspirados en músicas barrocas, do renacemento ou clásicas, mesturadas con estilos celtas, con jazz, músicas dos balcanes, etc., interpretadas con violíns, frautas, cello, contrabaixo e percusións.

E para terminar… Cales son os vosos plans inmediatos coa banda?
Seguir escribindo música e incorporar novos intrumentos como a zanfona, a espineta dos Vosgos, o rabel…